ESPECIALISTA EN BIOMATERIAIS E TECNOLOXÍAS BIOMÉDICAS
Información do curso
ESPECIALISTA EN BIOMATERIAIS E TECNOLOXÍAS BIOMÉDICAS
Tipo | Máster/especialista | ||||
Código | E3121401 | ||||
Nome | ESPECIALISTA EN BIOMATERIAIS E TECNOLOXÍAS BIOMÉDICAS |
|
|||
Modalidade | Presencial | ||||
Horas | 200 | ||||
Información de contacto: | |||||
· Teléfono | 986 813456 | ||||
· Fax | |||||
· Enderezo electrónico | |||||
Compartir: |
Entidades organizadoras
Escola de Enxeñaría Industrial (EEI)
Información sobre o calendario (datas)
Período de matrícula | 20/12/2013 00:00 - 04/02/2014 23:59 |
---|---|
Período de docencia | 16/01/2014 - 18/07/2014 |
Prazas e créditos
Número mínimo de participantes | 20 |
---|---|
Número máximo de participantes | 25 |
Créditos teóricos | 10.5 |
Créditos prácticos | 9.5 |
Validación de libre elección | 10 |
Destinatarios/as
- Titulados en Enfermaría, Medicina, Fisioterapia e Bioloxía que desexen adquirir formación tecnolóxica que lles permita aplicar principios e métodos da enxeñería para a aplicación a resolución de problemas e comprender mellor o funcionamento de equipamento e dispositivos bio-médicos.
- Enxeñeiros e titulados en Bioloxía e Química que desexen adquirir unha formación básica de medicina para desenvolver a súa actividade no ámbito das ciencias da saúde.
- Alumnos dos últimos cursos das titulacións anteriores que teñan os tres primeiros cursos superados e desexen completar a súa formación e dirixir as súas expectativas laborais ou iniciarse na investigación neste campo.
- Os profesionais directamente relacionados coa especialidade do título que reúnan os requisitos legais para cursar estudios universitarios e acrediten un mínimo de 3 anos de experiencia profesional e que desexen actualizar a súa formación nas novas tecnoloxías biomédicas ou na utilización de biomateriais na mediciña.
Obxectivos
PRESENTACIÓN
O avance imparable que ten experimentado a medicina na segunda metade do século XX e no comezo do presente, sería imposible sen a aportación de novas e avanzadas tecnoloxías, que permiten o desenvolvemento de novas solucións a problemas problemas médicos e sociais relacionados coas enfermidades e discapacidades.
O progresivo envellecemento da poboación mundial, especialmente nos países desenvolvidos, está a crear unha demanda crecente de servizos ós que a medicina debe dar resposta de xeito eficaz, non só para para lograr unha mellora da saúde e calidade de vida dos pacientes, senón para optimizar os beneficios derivados dos recursos invertidos para este propósito.
Como consecuencia, a axeitada selección e emprego de tecnoloxías sanitarias, xunto coa investigación científica, o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica constitúen instrumentos imprescindibles. A Enxeñería Biomédica da resposta a esta necesidade, xa que é precisamente a disciplina que aplica os principios e métodos da enxeñería á comprensión, definición e resolución de problemas biolóxicos e médicos.
Neste contexto, a demanda de enxeñeiros para o deseño, fabricación, avaliación e certificación, instalación, reparación e modificación e adestramento no uso de equipos tecnolóxicos no campo da medicina é crecente. O que fai necesario completar a formación destes profesionais con coñecementos básicos de anatomía, fisioloxía e bioquímica humana xunto con outros relativos ao funcionamento do Sistema Sanitario e as normas e protocolos que deben ser considerados.
Pero no é menor a necesidade que os profesionais das ramas sanitarias e biolóxicas teñen de comprender as bases de funcionamento de sistemas, equipamentos e produtos sanitarios complexos que de xeito cada vez máis habitual empregan nas súas funcións. Isto crea a demanda de mellorar a súa formación tecnolóxica, permitindo a súa adecuación aos continuos cambios tecnolóxicos.
OBXECTIVOS:
Este curso de especialización xurde polo tanto cos seguintes obxectivos:
- Complementar a formación dos profesionais procedentes da medicina, bioloxía ou fisioterapia, para que adquiran a formación tecnolóxica que lles permitan comprender e desenvolver mellor as súas funcións nun ámbito progresivamente máis tecnificado.
- Ampliar a formación dos alumnos procedentes das ramas da enxeñería cos coñecementos básicos de medicina que lles permitirán unha capacitación laboral axeitada para postos de traballo especializados en tecnoloxía médica.
- Capacitar aos alumnos para lograr unha interlocución axeitada entre especialistas en ciencias da saúde e enxeñería que permita unha colaboración eficaz en grupos de traballo cada vez máis interdisciplinares.
- Achegar ós alumnos a algúns dos campos de investigación da enxeñería biomédica, fomentando o seu interese pola innovación tecnolóxica neste ámbito.
Condicións de acceso
Poderán matricularse e realizar o presente Curso de Especialista :
a) Modalidade de MATRÍCULA ORDINARIA. Os alumnos que opten por esta matrícula son aqueles que reúnen os requisitos de acceso fixados polo "Regulamento de Títulos de Posgrao e Outros Cursos" da Universidade de Vigo para obter o título de especialista, e están en condicións de cursar a totalidade dos contidos nun curso académico. Son titulados/as universitarios de primeiro e segundo ciclo. Ao finalizar este curso, e trala superación da avaliación correspondente, estes alumnos obterán o titulo de “Especialista en Biomateriais e Tecnoloxías Biomédicas” emitido pola Universidade de Vigo
b) Modalidade de MATRÍCULA PARCIAL (Resérvanse 5 prazas)
Destinada a aqueles alumnos que, desexando obter o título de “Especialista en Biomateriais e Tecnoloxías Biomédicas”, e reunindo as condicións administrativas precisas, por motivos laborais xustificados diante da comisión académica do curso, teñen limitacións de disponibilidade horaria que impiden cubrir tódolos créditos nun curso académico. Nese caso, poderán matricularse do Bloque 1: BASES DE BIOENXEÑERÍA no primeiro ano. Cursada e superada a avaliación desta parte, recibirán un certificado acreditativo da dirección do Curso. No segundo ano, deberán matricularse dos bloques restantes Bloque 2: SISTEMA SANITARIO + Bloque 3: APLICACIÓN CLÍNICA conxuntamente. Para obter o Titulo de Especialista é necesario ter cursados e avaliados positivamente a totalidade dos bloques nos que se estrutura a materia do curso.
Criterios de selección
Unha comisión académica formada por representantes dos profesores dos disitintos bloques do curso, realizarán a selección en base dos seguintes criterios:
1.- Curriculum vitae
2.- Adecuación da formación aos obxectivos do curso
3.- De ser necesario, entrevista persoal
Calendario
- A docencia desenvolverase no segundo semestre, comezando o 16 de xaneiro e finalizando o 18 de Xullo
- Docencia presencial os Xoves e Venres de 16h a 20h, na Escola de Enxeñería Industrial (Sede Campus)
- Algunhas das prácticas e rotatorios hospitalarios terán que ser realizados en horario de mañá fóra deses días, por necesidades dos respectivos servicios. Acordarase a data anticipadamente cos alumnos.
Programa
MÓDULOS TEÓRICOS:
B1-T01- Bases médicas da Bioenxeñería
A) Anatomía humana aplicada: Farase unha introdución ó concepto de anatomía e histoloxía humana aplicada. Abordaranse os aspectos básicos do estudo anatómico e fisiolóxico do aparato locomotor e a introdución a cinesioloxía muscular. Realizarase unha presentación dos diferentes aparatos e sistemas corporais.
B) Introdución á Bioquímica: Presentaranse os aspectos básicos dos principios inmediatos carbohidratos, proteínas, lípidos) e o seu metabolismo, así como os conceptos de equilibrio hidroelectroquímico. Analizaranse os procesos de reacción fronte ós implantes.
C) Introdución á Fisioloxía . Introdución ó estudio dos procesos fisiolóxicos dende as interaccións moleculares ata o funcionamento dinámico do organismo
D) Bases Clínicas: bases epidemiolóxicas, fisiopatolóxicas y clínicas de las enfermidades
E) Introdución á Enxeñería Xenética
B1-T02- Bases físicas da bioenxeñería e da instrumentación biomédica
A) Na primeira parte deste módulo dedicaranse os primeiros temas a proporcionar os principios físicos (carga, corrente, voltaxe, potencia e enerxía) nos que se basean as medidas de variables biolóxicas (temperatura, presión, biopotenciais, etc.)
B) Na segunda parte, estudarase a instrumentación biomédica, analizando as principais medidas que caracterizan aos distintos sistemas do corpo humano e o equipamento que permite adquirilas. Tamén estudaranse os láseres de uso biomédico (fundamentos, características, fibra óptica, rango, efecto terapéutico, técnicas de medida, óptica biomédica)
B1-T03- Materiais para Bioenxeñería
A) Na primeira parte deste módulo, revisaranse os conceptos básicos da estrutura dos materiais e as propiedades mecánicas e químicas que permiten a súa aplicación á bioenxeñería. Presentaranse as principais aliaxes metálicas empregadas na bioenxeñería (prótesis, memoria de forma, metales reabsorbibles...) así como os polímeros, cerámicos, vidros e vidros cerámicos, compostos e materiais naturais de maior utilización.
B) Tamén describiranse as principais técnicas de caracterización para o estudio estrutural dos distintos materiais, así como os ensaios que permiten determinar as súas propiedades mecánicas.
B1-T04- Corrosión en medios fisiolóxicos
A) Iníciase este bloque co estudo dos procesos de degradación que sofren os materiais en contacto cun medio agresivo, caracterizando os distintos tipos de corrosión presentes por efecto dos fluídos fisiolóxicos. Especial atención prestarase ao proceso de corrosión-fatiga experimentado polos implantes.
B) A continuación, revisaranse as distintas técnicas de modificación superficial que se empregan na actualidade para mellorar as características superficiais dos biomateriais, co obxecto de incrementar a súa resistencia mecánica, a resistencia á corrosión e a súa biocompatibilidade.
B1-T05- Enxeñería Biomecánica
Presentaranse os conceptos biomecánicos básicos que permitirán ao alumno comprender as cargas e movementos do sistema músculo esquelético. Introduciranse conceptos relativos ao deseño e ergonomía. Realizarase unha introdución aos modelos numéricos en biomecánica que permiten realizar simulacións e predicións sobre o comportamento dos sistemas biolóxicos. Asemade estudarase a dinámica básica dos fluídos fisiolóxicos e presentaranse os modelos fluidodinámicos máis usados no campo da simulación numérica destes fluídos, abordándose problemas complexos de acoplamento fluído-tecidos así como análise dos efectos electromagnéticos sobre o fluído e/ou dispositivos tipo stents
B2-T06- Modelos organizativos sanitarios
Analizaranse os novos modelos baseados na integración dos diferentes niveis de coidados para facer fronte aos cambios culturais e ao aumento das enfermidades crónicas. Enuméranse as diversas medidas propostas para mellorar a calidade e a eficiencia dos servizos prestados
B2-T07- Lexislación e normativas básicas
Daranse a coñecer ó alumnado as diferentes normas técnicas aplicables á avaliación de productos e a avaliación epidemiolóxica da tecnoloxía sanitaria.
As técnicas de valoración da eficacia, efectividade seguridade dos procesos sanitarios e das tecnoloxías sanitarias. Criterios de seguridade
B3-T08- Bioenxeñería Clínica y Telemedicina
Coñecer os métodos diagnósticos actuais tanto a nivel de laboratorio como de transmisión de imaxes para poder orientar ó alumnado a identificar novos métodos diagnósticos
Describir as principais armas terapéuticas con que contamos actualmente e sentar as bases para abrir novas vías de investigación que engloben os biomateriais, os produtos sanitarios e as tecnoloxías sanitarias mais vangardistas. Ás aplicacións dos cultivos de tecidos o estudo das células nai como inicio e introdución a nova medicina personalizada.
Principios de radiodiagnóstico, medicina nuclear y radioterapia
Introducirase o concepto de telemedicina como prestación de servizos de medicina a distancia, que permite a optimización dos servizos de atención en saúde e a comunicación entre os diferentes profesionais médicos.
Ademais, a utilización das tecnoloxías de la información e das comunicacións serve como medio para prover servizos médicos, independentemente da localización tanto dos que ofrecen o servizo, os doentes que o reciben, e a información necesaria para a actividade asistencial.
Farase unha revisión das súas utilidades nas diferentes disciplinas médicas como son radioloxía, dermatoloxía, anatomía patolóxica, servizos de enfermería, HADO e outras.
B3-T09- Produtos sanitarios e biomateriais
Especialistas nos distintos campos, expoñen exemplos de aplicación de diversos produtos sanitarios e biomateriais en cinco áreas básicas da medicina; como traumatoloxía e ciruxía ortopédica, cardioloxía, otorrinolaringoloxía, odontoloxía e oftalmoloxía
B3-T10- Enxeñería dos tecidos
Abordaranse as bases da enxeñería de tecidos, nova área de investigación claramente interdisciplinar que ten como obxectivo resolver problemas clínicos e cirúrxicos asociados coa perda de tecidos ou fallo funcional de órganos vitais. Trataranse os aspectos físicos e biolóxicos, así como o deseño e utilización de dispositivos tridimensionais (andamiaxes-scaffolds) porosos que estimulan ou favorecen a reparación ou restauración dun órgano ou tecido vivo. Presentaranse os procesos biomiméticos e probas celulares in vitro máis amplamente utilizadas, así como casos particulares de tecidos e órganos obtidos mediante bioenxeñería.
MÓDULOS PRÁCTICOS:
B1- P01-Prácticas de Anatomía humana aplicada, Bioquímica, Fisioloxía e Xenética
Realizaranse prácticas básicas de identificación de estructuras corporais e anatomía funcional en base ós diferentes aparatos e sistemas estudados.
O alumnado realizará prácticas de laboratorio de identificación dos diferentes bioelementos (carbohidratos, proteínas, lípidos). Asímesmo, realizarán exercicios prácticos de revisión dos conceptos de equilibrio ácido- base e dilucións de laboratorio. Finalmente, realizarase unha sesión formativa na que se poderán observar os diferentes pasos para a realización dunha técnica de PCR para a identificación do ADN dunha mostra biolóxica.
Demostración das funcións do corpo humano mediante vídeos e e-mapas. Estudio histopatoloxico dos tecidos mediante o MO. Cultivos de microorganismos.
Simulación de sustitución dun xen que produce una proteína defectuosa que da lugar a determinada enfermidade
B1- P02- Prácticas asociadas a Bases físicas da bioenxeñería e Instrumentación biomédica
Relizaranse prácticas para a comprensión dos principios físicos básicos como circuitos en serie e paralelo, medida da carga, condución térmica, etc.
Levaranse a cabo diversas prácticas para que o estudante comprenda os principios de funcionamento e características básicas dos equipos de instrumentación que de xeito habitual atópanse nun hospital. Farase especial fincapé nos sensores biomédicos, analizando a súa precisión, rango, resolución, reproducibilidade e tipos. Asemade faranse prácticas relativas ao emprego do láser para a comprensión do funcionamento dun láser, tipos de equipos e especificacións técnicas para o seu correcto uso.
B1- P03- Prácticas asociadas a Materiais para Bioenxeñería
Os alumnos realizarán prácticas de caracterización microestrutural de diversos materiais, empregando técnicas de microscopía óptica e electrónica, técnicas de caracterización térmica e de difracción de RX. Tamén levarán a cabo diferentes ensaios de caracterización de propiedades superficiais (rugosidade, tensión superficial, desgaste, microdureza) e masivas (tracción, tenacidade).
B1- P04- Prácticas de Corrosión en medios fisiolóxicos
Levaranse a cabo prácticas sinxelas para que o alumnado comprenda os principios da corrosión dos materiais en medios que simulan fluídos biolóxicos e dos ensaios que se empregan para a súa determinación. Verificarase a importancia de factores que controlan o comportamento dos materiais no corpo humano, como pH, T, presenza de axentes agresivos (Cloruros, peróxido de hidróxeno, diferenzas de potencial...etc)
B1- P05- Prácticas asociadas a Enxeñería Biomecánica
Levaranse a cabo prácticas de simulación mediante programas informáticos específicos de cargas en osos e articulacións (deformacións, roturas...). Asemade veranse exemplos da aplicación de programas de simulación ao estudio de fluídos biolóxicos
B2- P06- Prácticas asociadas a Modelos organizativos sanitarios
Realizarase unha análise dos diversos modelos organizativos existentes na actualidade e faranse estudos prácticos comparativos baseándose na equidade e os custos.
B2- P07- Prácticas asociadas a Lexislación e normativas básicas
Daranse a coñecer ó alumnado os modelos das axencias de avaliación da tecnoloxía sanitaria. E as normativas básicas sobre produtos sanitarios, células nai e outros
B3- P08- Prácticas de Bioenxeñería clínica y asociadas a Telemedicina
O alumnado realizará prácticas das diferentes patoloxías, e tamén fará simulacións de casos clínicos. O obxectivo final é que sexa capaz despois de reorientar os diagnósticos e a terapéutica cara ás novas tecnoloxías. Tamén, de resolver con mais acerto e menos efectos secundarios as complicacións mais frecuentes derivadas do tratamentos médicos e/ou cirúrxicos.
Demostración das aplicacións clínicas dos láseres, da medicina nuclear, TAC, RMN, helioterapia, fotoprotección, microscopia óptica, microscopia confocal etc
Practicas in vivo de técnicas cosméticas (tóxina botulínica, recheos con hialurónico e outros).
Técnicas de rehabilitación e medicina física.
Pequenas e grandes intervencións cirúrxicas.
O alumnado realizará prácticas sinxelas no manexo das TICs aplicadas a telemedicina nas diferentes disciplinas médicas (radioloxía, dermatoloxía, anatomía patolóxica, servizos de enfermería, HADO, etc)
Estudio de casos prácticos de aplicacións sanitarias a móbiles.
B3- P09- Prácticas asociadas a Productos sanitarios e biomateriais
Neste módulo médicos especialistas nas áreas de traumatoloxía, ciruxía ortopédica, cardioloxía, otorrinolaringoloxía, odontoloxía e oftalmoloxía, presentarán diversos casos prácticos das súas especialidades.
B3- P10- Prácticas asociadas á Enxeñería dos tecidos
Realizaranse prácticas sobre a fabricación de andamiaxes porosos tridimensionais. Tamén levaránse a cabo prácticas sobre protocolos celulares in vitro e procesos biomiméticos.
B3- P11- Visitas guiadas a centros e servizos
Realizaranse visitas guiadas rotatorias aos diferentes centros clínicos e servizos hospitalarios que colaboran no desenvolvemento do curso de especialización.
Modo de pagamento
O importe da matrícula do curso completo é de 620 €, e da matrícula parcial é de 322,40 €.
O pagamento farase efectivo en calquera oficina de NGB, indicando o nome ou o código do curso.
Posibilidade de obtención dunha bolsa de 120 €.
Sistema de avaliación
1.- Valorarase a asistencia, polo que realizarase o control da mesma.
2.- Avaliación por módulos, que constará de probas teórico-prácticas realizadas ao remate dos mesmos. O detalle das mesmas facilitaráse ao comezo de cada módulo.
Para seren considerados APTOS, os alumnos/as deberán
- Ter unha asistencia superior ao 80%
- Teren superadas as probas de avaliación da totalidade dos bloques nos que se estrutura a materia. Aqueles alumnos que optaran pola matrícula parcial, é necesario que superen a avaliación do primeiro bloque para poderse matricular nos bloques restantes.