ESPECIALISTA EN BIOMATERIAIS E TECNOLOXÍAS BIOMÉDICAS

Información do curso

ESPECIALISTA EN BIOMATERIAIS E TECNOLOXÍAS BIOMÉDICAS


Tipo Máster/especialista
Código E3121201
Nome ESPECIALISTA EN BIOMATERIAIS E TECNOLOXÍAS BIOMÉDICAS
  Lembre que para acceder ou matricularse nos cursos debe entrar no sistema polo menú de Acceso (á esquerda da ventá). Se aínda non está rexistrado prema aquí.
Modalidade Presencial
Horas 200
Información de contacto:  
 · Teléfono 986 813456
 · Fax
 · Enderezo electrónico
Compartir:

Entidades organizadoras

Escola de Enxeñaría Industrial (EEI)

Información sobre o calendario (datas)

Período de preinscrición 19/11/2012 00:00 - 18/12/2012 15:00
Período de matrícula 03/12/2012 00:00 - 18/12/2012 15:00
Período de docencia 13/12/2012 - 24/05/2013

Prazas e créditos

Número mínimo de participantes 20
Número máximo de participantes 25
Créditos teóricos 10.5
Créditos prácticos 9.5
Validación de libre elección 10

Destinatarios/as

- Titulados en Enfermaría, Medicina, Fisioterapia e Bioloxía que desexen adquirir formación teconolóxica que lles permita aplicar principios e métodos da enxeñería para a aplicación a resolución de problemas e comprender mellor o funcionamento de equipamento e dispositivos bio-médicos.

- Enxeñeiros e titulados en Bioloxía e Química que desexen adquirir unha formación básica de medicina para desenvolver a súa actividade no ámbito das ciencias da saúde.

Obxectivos

Non hai dúbida de que o avance imparable que ten experimentado a medicina na segunda metade do século XX e no comezo do presente, sería imposible sen a aportación de novas e avanzadas tecnoloxías, que permiten o desenvolvemento de novas solucións a problemas problemas médicos e sociais relacionados coas enfermidades e discapacidades.

O progresivo envellecemento da poboación mundial, especialmente nos países desenvolvidos, está a crear unha demanda crecente de servizos ós que a medicina debe dar resposta de xeito eficaz, non só para para lograr unha mellora da saúde e calidade de vida dos pacientes, senón para optimizar os beneficios derivados dos recursos invertidos para este propósito.

Deste xeito, a axeitada selección e emprego de tecnoloxías sanitarias, xunto coa investigación científica, o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica constitúen instrumentos imprescindibles. A Enxeñería Biomédica da resposta a esta necesidade, xa que é precisamente a disciplina que aplica os principios e métodos da enxeñería á comprensión, definición e resolución de problemas biolóxicos e médicos.

Neste contexto, a demanda de enxeñeiros para o deseño, fabricación, avaliación e certificación, instalación, reparación e modificación e adestramento no uso de equipos tecnolóxicos no campo da medicina é crecente. O que fai necesario completar a formación destes profesionais con coñecementos básicos de anatomía, fisioloxía e bioquímica humana xunto con outros relativos ao funcionamento do Sistema Sanitario e as normas e protocolos que deben ser considerados.

Pero no é menor a necesidade que os profesionais das ramas sanitarias e biolóxicas teñen de comprender as bases de funcionamento de sistemas, equipamentos e produtos sanitarios complexos que de xeito cada vez máis habitual empregan nas súas funcións. Isto crea a demanda de mellorar a súa formación tecnolóxica, permitindo a súa adecuación aos continuos cambios tecnolóxicos.

Este curso de especialización xurde polo tanto cos seguintes OBXECTIVOS:

- Complementar a formación dos profesionais procedentes da medicina, bioloxía ou fisioterapia, para que adquiran a formación tecnolóxica que lles permitan comprender e desenvolver mellor as súas funcións nun ámbito progresivamente máis tecnificado.

- Ampliar a formación dos alumnos procedentes das ramas da enxeñería cos coñecementos básicos de medicina que lles permitirán unha capacitación laboral axeitada para postos de traballo especializados en tecnoloxía médica.

- Capacitar aos alumnos para lograr unha interlocución axeitada entre especialistas en ciencias da saúde e enxeñería que permita unha colaboración eficaz en grupos de traballo cada vez máis interdisciplinares.

- Achegar ós alumnos a algúns dos campos de investigación da enxeñería biomédica, fomentando o seu interese pola innovación tecnolóxica neste ámbito.

Condicións de acceso

Poderán acceder ao título de ESPECIALISTA:

1. Os titulados/as universitarios de primeiro e segundo ciclo

2. Os alumnos/as dunha licenciatura ou equivalente cos tres primeiros cursos superados.

3. Os profesionais directamente relacionados coa especialidade do título que reúnan os requisitos legais para cursar estudios universitarios e acrediten un mínimo de 3 anos de experiencia profesional.

Criterios de selección

1.- Ter finalizados os estudos universitaros
2.- Adecuación da titulación
3.- Expediente académico
4.- Entrevista persoal

Calendario

- Os estudos desenvolveránse no segundo semestre
- Docencia presencial os Xoves e Venres de 16h a 20h, na Escola de Enxeñería Industrial (Sede Campus)
- Posibilidade de realización de prácticas en horario de mañán de xeito puntual

Programa

MÓDULOS TEÓRICOS:
T01- Anatomía humana aplicada
Farase unha introducción ó concepto de anatomía e histoloxía humana. Levarase a cabo o estudo anatómico e fisiolóxico do aparato locomotor e a introducción a cinesioloxía muscular. Asímesmo, realizarase o estudo dos diferentes aparatos e sistemas corporais como son o aparato respiratorio, dixestivo, xenitourinario, sistema cardiovascular e endócrino, así como os órganos dos sentidos
T02- Introdución á Bioquímica
Revisarase o concepto de principios inmediatos (carbohidratos, proteínas, lípidos) e o metabolismo enerxético dos mesmos. Asímesmo levarase a cabo o estudo das diferentes disolucións ácido – base e o concepto de equilibrio hidroelectroquímico relacionado cos conceptos anteriores. Finalmente farase un breve percorrido polas bases da xenética elemental.
T03- Bioenxeñería Clínica
Coñecer as características clínicas das enfermidades mais importantes e o mesmo tempo, tamén, coñecer os métodos diagnósticos actuais tanto a nivel de laboratorio como de transmisión de imaxes para poder orientar ó alumnado a identificar novos métodos diagnósticos
Describir as principais armas terapéuticas con que contamos actualmente e sentar as bases para abrir novas vías de investigación que engloben os biomateriais e as técnicas mais vangardistas

T04- Modelos organizativos sanitarios
Analizaranse os novos modelos baseados na integración dos diferentes niveis de coidados para facer fronte aos cambios culturais e ao aumento das enfermidades crónicas. Enuméranse as diversas medidas propostas para mellorar a calidade e a eficiencia dos servizos prestados.

T05- Lexislación e normativas básicas
Daranse a coñecer ó alumnado as diferentes normas técnicas aplicables á avaliación de productos e a avaliación epidemiolóxica da tecnoloxía sanitaria.
As técnicas de valoración da eficacia, efectividade seguridade dos procesos sanitarios e das tecnoloxías sanitarias. Criterios de seguridade

T06-Telemedicina
Introducirase o concepto de telemedicina como prestación de servizos de medicina a distancia, que permite a optimización dos servizos de atención en saúde e a comunicación entre os diferentes profesionais médicos. Faráse unha revisión das súas utilidades nas diferentes disciplinas médicas como son radioloxía, dermatoloxía, anatomía patolóxica, servizos de enfermería, HADO e outras.
T07- Bases físicas da bioinxeñería
Neste módulo adicaremos uns primeiros temas introdutorios, centrados en proporcionar os principios físicos (carga, corrente, voltaxe, potencia e enerxía) nos que se basean as medidas de variables biolóxicas (temperatura, presión, biopotenciais, etc.)
T08- Instrumentación biomédica
Estudiaráse a instrumentación biomédica, analizando as principais medidas que caracterizan aos distintos sistemas do corpo humano e o equipamento que permite adquirilas. Tamén estudiaranse os láseres de uso biomédico (fundamentos, características, fibra óptica, rango, efecto terapéutico, técnicas de medida, óptica biomédica)
T09- Materiais para Bioenxeñería
Revisarnase os conceptos básicos relacionados coa estrutura dos materiais e as súas propiedades, tanto masivas como superficiais. Presentaranse os principais tipos de materiais, destacando as características que os fan adecuados para o seu emprego en medicina (metais, polímeros, cerámicos, vidros e vidros cerámicos, compostos e materiais naturais). Tamén describiranse as principais técnicas que permiten caracterizar a estrutura e propiedades dos distintos materiais.
T10- Corrosión en medios fisiolóxicos
Estudaranse os procesos de degradación que sofren os materiais en contacto cun medio agresivo, caracterizando os distintos tipos de corrosión. Prestarase especial atención a analizar os factores específicos que afectan aos materiais nos fluídos fisiolóxicos. Revisaranse as distintas técnicas de modificación superficial que se empregan na actualidade para mellorar a resistencia mecánica e á corrosión dos biomateriais.
T11- Enxeñería Biomecánica
Presentaranse os conceptos biomecánicos básicos que permitirán ao alumno comprender as cargas e movementos do sistema músculo esquelético, e a dinámica dos fluídos fisiolóxicos. Introduciranse conceptos relativos ao deseño e ergonomía. Realizarase unha introdución aos modelos numéricos en biomecánica que permiten realizar simulacións e predicións sobre o comportamento dos sistemas biolóxicos.
T12- Productos sanitarios e biomateriais
Definición e clasificación de produto sanitario e biomaterial. Especialistas nos distintos campos, expoñen exemplos de aplicación de diversos produtos sanitarios e biomateriais en cinco áreas básicas da medicina; como traumatoloxía e ciruxía ortopédica, cardioloxía, otorrinolaringoloxía, odontoloxía e oftalmoloxía
T13- Enxeñería dos tecidos
Abordaranse as bases da enxeñería de tecidos, nova área de investigación claramente interdisciplinar que ten como obxectivo resolver problemas clínicos e cirúrxicos asociados coa perda de tecidos ou fallo funcional de órganos vitais. Trataranse os aspectos físicos e biolóxicos, así como o deseño e utilización de dispositivos tridimensionais (andamiaxes-scaffolds) porosos que estimulan ou favorecen a reparación ou restauración dun órgano ou tecido vivo. Presentaranse os procesos biomiméticos e probas celulares in vitro máis amplamente utilizadas, así como casos particulares de tecidos e órganos obtidos mediante bioenxeñería.
MÓDULOS PRÁCTICOS:
P01-Prácticas de Anatomía humana aplicada
Realizaranse prácticas básicas de identificación de estructuras corporais e anatomía funcional en base ós diferentes aparatos e sistemas estudados.
P02- Prácticas de Bioquímica
O alumnado realizará prácticas de laboratorio de identificación dos diferentes bioelementos (carbohidratos, proteínas, lípidos). Asímesmo, realizarán exercicios prácticos de revisión dos conceptos de equilibrio ácido- base e dilucións de laboratorio. Finalmente, realizarase unha sesión formativa na que se poderán observar os diferentes pasos para a realización dunha técnica de PCR para a identificación do ADN dunha mostra biolóxica
P03- Prácticas de Bioenxeñería clínica
O alumnado realizará prácticas das diferentes patoloxías, e tamén fará simulacións de casos clínicos. O obxectivo final é que sexa capaz despois de reorientar os diagnósticos e a terapéutica cara ás novas tecnoloxías. Tamén, de resolver con mais acerto e menos efectos secundarios as complicacións mais frecuentes derivadas do tratamentos médicos e/ou cirúrxicos.
P04- Prácticas asociadas a Modelos organizativos sanitarios
Realizarase unha análise dos diversos modelos organizativos existentes na actualidade e faranse estudos prácticos comparativos baseándose na equidade e os custos.
P05- Prácticas asociadas a Lexislación e normativas básicas
Daranse a coñecer ó alumnado os modelos das axencias de avaliación da tecnoloxía sanitaria.
P06- Prácticas asociadas a Telemedicina
O alumnado realizará prácticas sinxelas no manexo das TICs aplicadas a telemedicina nas diferentes disciplinas médicas (radioloxía, dermatoloxía, anatomía patolóxica, servizos de enfermería, HADO, etc).
P07- Prácticas asociadas a Bases físicas da bioenxeñería
Relizaranse prácticas para a comprensión dos principios físicos básicos como circuitos en serie e paralelo, medida da carga, condución térmica, etc.
P08- Prácticas asociadas á Instrumentación biomédica
Levaranse a cabo diversas prácticas para que o estudante comprenda os principios de funcionamento e características básicas dos equipos de instrumentación que de xeito habitual atópanse nun hospital. Farase especial fincapé nos sensores biomédicos, analizando a súa precisión, rango, resolución, reproducibilidade e tipos. Asemade faranse prácticas relativas ao emprego do láser para a comprensión do funcionamento dun láser, tipos de equipos e especificacións técnicas para o seu correcto uso.
P09- Prácticas asociadas a Materiais para Bioenxeñería
Os alumnos realizarán prácticas de caracterización microestrutural de diversos materiais, empregando técnicas de microscopía óptica e electrónica, técnicas de caracterización térmica e de difracción de RX. Tamén levarán a cabo diferentes ensaios de caracterización de propiedades superficiais (perfilometría, desgaste, microdureza) e masivas (tracción, tenacidade).
P10- Prácticas de Corrosión en medios fisiolóxicos
Levaranse a cabo prácticas sinxelas para que o alumnado comprenda os principios da corrosión dos materiais e dos ensaios que se empregan para a súa determinación. Verificarase a importancia de factores como pH, T, tensión...etc
P11- Prácticas asociadas a Enxeñería Biomecánica
Levaranse a cabo prácticas de simulación mediante programas informáticos específicos de cargas en osos e articulacións (deformacións, roturas...). Asemade veranse exemplos da aplicación de programas de simulación ao estudio de fluídos biolóxicos
P12- Prácticas asociadas a Productos sanitarios e biomateriais
Neste módulo médicos especialistas nas áreas de traumatoloxía, ciruxía ortopédica, cardioloxía, otorrinolaringoloxía, odontoloxía e oftalmoloxía, presentarán diversos casos prácticos das súas especialidades.

P13- Prácticas asociadas á Enxeñería dos tecidos
Realizaranse prácticas sobre a fabricación de andamiaxes porosos tridimensionais. Tamén levaránse a cabo prácticas sobre protocolos celulares in vitro e procesos biomiméticos.
P14- Visitas guiadas a centros e servizos
Realizaranse visitas guiadas rotatorias aos diferentes centros e servizos que colaboran no desenvolvemento do curso de especialización. Corresponden aos módulos T01-T05, T12 e T13.

Modo de pagamento

Importe da matrícula: 600,00€, con posibilidade de obter unha bolsa de 120,00€.

O pagamento farase efectivo en calquera entidade de NGB, indicando o nome ou o código do curso.

Sistema de avaliación

1.- Valorarase a asistencia, polo que levarase control estrito da mesma.
2.- Avaliación contínua por módulos, que constará de probas teórico-prácticas. O detalle das mesmas facilitaráse ao comezo de cada módulo.

Calquera dúbida acerca dos detalles dun curso debe dirixila á dirección de dito curso. Por favor, consulte o apartado Información de contacto do curso.

Enderezo electrónico (unicamente problemas técnicos): |  RSS: Catálogo de cursos