Analíticas de aprendizaxe para o profesorado universitario

Información do curso

Analíticas de aprendizaxe para o profesorado universitario


Tipo Curso de formación do PDI
Código PFPPANA23
Nome Analíticas de aprendizaxe para o profesorado universitario
  Lembre que para acceder ou matricularse nos cursos debe entrar no sistema polo menú de Acceso (á esquerda da ventá). Se aínda non está rexistrado prema aquí.
Modalidade Virtual (síncrona e asíncrona)
Horas 20
Descrición

Cando o alumnado está nas aulas, o profesorado pode saber como se está a desenvolver o proceso de ensino-aprendizaxe. A interacción que ten a través de preguntas e respostas proporciónalle moita información, mais tamén o fan as miradas, os silencios, os murmurios ou as cabezas agachadas. E cando o estudantado está a traballar en liña, que sabemos do que está a facer? A analítica da aprendizaxe é a ferramenta que nos pode axudar a entender e mellorar o labor docente neste escenario.

Este curso pretende proporcionar ao profesorado información e habilidades sobre como pode desenvolver a súa docencia ao longo de todo o ciclo da analítica da aprendizaxe. Trataranse os métodos básicos, incluíndo a alfabetización en datos e os estándares de ética e privacidade. A finalidade é que o profesorado poida aplicar o aprendido no seu día a día, principalmente na Educación Superior desenvolvida total ou parcialmente en contornas dixitais.

Información de contacto:  
 · Teléfono 986812035
 · Fax
 · Enderezo electrónico
Compartir:

Descrición

Este curso insírese dentro do Programa de Formación Permanente do Profesorado da Universidade de Vigo para o ano 2023.

Entidades organizadoras

Área de Formación e Innovación Educativa (Escola Aberta de Formación Permanente).

Información sobre o calendario (datas)

Período de matrícula 16/02/2023 12:00 - 31/03/2023 23:59
Período de docencia 11/04/2023 - 09/05/2023

Prazas e créditos

Número mínimo de participantes 10
Número máximo de participantes 25

Destinatarios/as

Esta actividade está destinada ao profesorado da Universidade de Vigo. Terá preferencia o profesorado que estea no POD deste ano académico.
Se quedan prazas dispoñibles poderán participar outros perfís da Universidade de Vigo, baixo o criterio da Área de Formación e Innovación Educativa.

Obxectivos

- Describir e analizar os datos recollidos en diferentes escenarios de aprendizaxe.
- Aplicar boas prácticas á hora de recompilar os datos, incluída a perspectiva ética e a privacidade dos datos.
- Diferenciar varios métodos de análise de datos.
- Analizar e avaliar que técnicas de visualización se adaptan aos distintos tipos de datos e tipos de análise.
- Clasificar e valorar as capacidades de ferramentas que ofrecen analíticas de aprendizaxe.
- Definir un proxecto de analítica de aprendizaxe en base a metas, métricas, técnicas analíticas e tipos de diagramas de visualización.

Condicións de acceso

É necesario ter coñecementos básicos no manexo de Excel e uso de Moovi.

Criterios de selección

Por orde de preinscrición.

Calendario

Parte síncrona: Os días 11, 18, 25 de abril e 2 e 9 de maio de 16 a 19 horas.
Parte asíncrona: Desenvolveranse 5 horas.

Programa

I. Introdución á analítica de aprendixaxe.
II. Alfabetización en datos.
III. Tipos e técnicas analíticas.
IV. Analítica da aprendizaxe en aplicacións: Moovi.
V. O ciclo da analítica da aprendizaxe.

Impartido en

A través do Campus remoto e da plataforma Moovi.

Observacións

IMPORTANTE:

Segundo a directriz aprobada pola Comisión de Estudos Propios (CEP) do 26 de xullo de 2022:
“As persoas matriculadas nun curso poderán renunciar a el cunha antelación mínima de tres días hábiles da data de comezo do curso, para deste xeito permitir a asistencia a outra persoa que estea na listaxe de agarda.
No suposto de que a persoa non comunique a súa renuncia coa antelación indicada ou que asista a menos do 20% da formación, terá a menor prioridade de acceso aos cursos que se realicen nos seis meses posteriores, a non ser que presente unha causa xustificada da non asistencia.
De acordo coas características do curso establecerase un mecanismo de control da asistencia ou realización.”

Pode consultar máis información na seguinte ligazón.

Titulación

A superación da formación será acreditada pola Vicerreitoría de Titulacións e Innovación Docente da Universidade de Vigo nun prazo de 15 días desde a finalización dela.

Profesorado

Manuel Caeiro Rodríguez

É profesor titular no departamento de Enxeñería Telemática da Universidade de Vigo. Desde o ano 2012 é coordinador da rede de investigación TELGalicia, sobre innovación educativa. Ten participado en numerosos proxectos relacionados coa aplicación das novas tecnoloxías en educación: estandarización, analítica da aprendizaxe, xogos serios, gamificación, Design Thinking, aprendizaxe autorregulada, etc. Manuel é membro da Rede Española de Analítica de Aprendizaxe: SNOLA.

Sistema de avaliación

Para as sesións presenciais e online síncronas requirirase asistir ao 80 % das sesións.

Para cada bloque, I, II, III e IV incluirase:
Un cuestionario de 10 preguntas, onde cada pregunta teña catro respostas e unha soa sexa a correcta. Tomarase a cualificación do primeiro intento do cuestionario.
Un exercicio práctico que se deberá materializar na entrega dun ficheiro pdf.

Para o bloque V incluirase un obradoiro no que se debe realizar unha contribución individual cun ficheiro pdf e a avaliación cruzada de traballos de compañeiros/as.

En todos os bloques se incluirán foros nos se que valorará a participación.

Cada cuestionario terá un peso de 5 % na cualificación final. Total dos 4 cuestionarios: 20 %

Cada exercicio terá un peso de 10 % na cualificación final. Total dos 4 exercicios: 40 %.

A contribución individual do taller terá un peso do 20 % e a da avaliación cruzada do 10 %. Total: 30 %

A participación en foros terá un peso do 10 % na cualificación final.

Para superar o curso deberá acadarse unha cualificación de polo menos o 50 % da cualificación máxima do curso.

Calquera dúbida acerca dos detalles dun curso debe dirixila á dirección de dito curso. Por favor, consulte o apartado Información de contacto do curso.

Enderezo electrónico (unicamente problemas técnicos): |  RSS: Catálogo de cursos