Curso práctico de aula invertida

Información do curso

Curso práctico de aula invertida


Tipo Curso de formación do PDI
Código PFPPAI22
Nome Curso práctico de aula invertida
  Lembre que para acceder ou matricularse nos cursos debe entrar no sistema polo menú de Acceso (á esquerda da ventá). Se aínda non está rexistrado prema aquí.
Modalidade Virtual (síncrona e asíncrona)
Horas 35
Descrición

O curso desenvolve as competencias profesionais docentes necesarias para realizar un deseño tecno-pedagóxico de Aula Invertida nunha materia, e levalo á práctica. Trátase dun curso introdutorio e eminentemente práctico en torno ao modelo didáctico da Aula Invertida, de cara a ser empregado de xeito parcial ou total nunha materia e con especial insistencia na xeración de contidos educativos axeitados para este modelo.

Información de contacto:  
 · Teléfono 986812035
 · Fax
 · Enderezo electrónico
Compartir:

Descrición

Este curso insírese dentro do Programa de Formación Permanente do Profesorado da Universidade de Vigo para o ano 2022.

Entidades organizadoras

Área de Formación e Innovación Educativa (Escola Aberta de Formación Permanente).

Información sobre o calendario (datas)

Período de matrícula 05/04/2022 12:00 - 06/05/2022 23:59
Período de docencia 18/05/2022 - 13/07/2022

Prazas e créditos

Número mínimo de participantes 10
Número máximo de participantes 30

Destinatarios/as

Esta actividade está destinada ao profesorado da Universidade de Vigo. Terá preferencia o profesorado que estea no POD deste ano académico.
Se quedan prazas dispoñibles poderán participar outros perfís da Universidade de Vigo, baixo o criterio da Área de Formación e Innovación Educativa.

Obxectivos

- Describir de xeito introdutorio e práctico as habilidades e ferramentas que se utilizan na posta en marcha dunha materia co modelo de aula invertida (flipped learning).
- Xerar pílulas educativas e podcast sinxelas.
- Facer unha avaliación diagnóstica con cuestionarios, enquisas ou vídeos enriquecidos.
- Introducir metodoloxías activas sinxelas na aula.
- Facer unha avaliación formativa (e sumativa) onde cobre especial relevancia a pregunta e a realimentación.
- Inserir a analítica de aprendizaxe no modelo de aula invertida.
- Analizar que é a gamificación, como se relaciona coa motivación e como nos pode axudar na aplicación do modelo de aula invertida.
- Deseñar e desenvolver unha lección de aula invertida.

Criterios de selección

Por orde de preinscrición.

Calendario

Parte virtual síncrona: 18 de maio de 11 a 13 horas.
Parte virtual asíncrona: do 19 de maio ao 13 de xullo.

Programa

Os contidos están divididos en 6 módulos cunha carga de traballo estimada de 35 horas:

Módulo 1. Que é a aula invertida (flipped learning):
- Descrición das bases nas que se asenta o modelo de aula invertida.

Módulo 2. Creación de contidos educativos. O podcast:
- Características dos contidos educativos para o modelo de aula invertida.
- Tipos de contidos educativos axeitados para o modelo de aula invertida: Taboleiros de recursos, recursos interactivos, actividades H5P etc.
- A utilidade do podcast no modelo de aula invertida. Creación de podcasts educativos.

Módulo 3. Creación de vídeos educativos:
- Creación de vídeos educativos: elementos e características dun vídeo educativo.
- Elaboración de distintos tipos de vídeos educativos: vídeos en tempo real e vídeos baseados en animacións.

Módulo 4. Antes da aula invertida. A avaliación inicial ou diagnóstica:
- Posta en práctica dunha proposta de aula invertida antes da clase.
- Emprego de cuestionarios, enquisas ou vídeos enriquecidos con preguntas para a avaliación inicial.
- Emprego de analíticas da aprendizaxe na avaliación inicial para enfocar as sesións de clase.

Módulo 5. Despois da clase na Aula Invertida. A avaliación formativa e sumativa:
- Tarefas do alumnado e profesorado despois da clase invertida.
- Emprego de  ferramentas para a avaliación do aprendido na lección de aula invertida
- Emprego de Analíticas de Aprendizaxe na avaliación formativa (para coñecer o progreso do noso alumnado, o seu grao de implicación, etc.) e tamén de cara a detectar casos de baixa motivación, absentismo, etc.

Módulo 6. Motivación no modelo de aula invertida. Deseño dunha lección de aula invertida:
- Os distintos tipos de motivación (intrínseca e extrínseca) e as teorías máis relevantes no ámbito educativo.
- Que é a gamificación, como se relaciona coa motivación e como nos pode axudar na aplicación do modelo de aula invertida.
- Metodoloxías activas na aula para mellorar a motivación nunha clase invertida.
- Deseño dunha lección de Aula Invertida que inclúa como principios activos da aprendizaxe a pregunta e a motivación.

Impartido en

A través da plataforma Moovi.

Observacións

Titorización:

Farase a través de foros, a través da retroalimentación das tarefas e a través do Campus remoto con cita previa.

Titulación

A superación desta actividade formativa será acreditada pola Universidade de Vigo a todas as persoas que superen o curso.

Profesorado

José Carlos López Ardao

É profesor titular da Universidade de Vigo e pertence ao departamento de Enxeñaría telemática.

Con 30 anos de experiencia docente nas materias de Redes de Ordenadores e Internet.

O seu campo de investigación estivo sempre relacionado coa análise de prestacións das redes de comunicacións e a enxeñería de tránsito, mais nos últimos 10 anos comezou a traballar e investigar tamén no ámbito da innovación educativa e, de xeito máis concreto, no estudo das relacións sociais na aula, e a aplicación da gamificación e do modelo de aula invertida na docencia. Nestes últimos anos ten impartido tamén numerosos cursos para profesorado, tanto en modalidade presencial como non presencial, esencialmente para a Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia sobre Moodle, Gamificación na docencia e o modelo de aula invertida.

Sistema de avaliación

Cada módulo leva aparellada sempre a visualización dun vídeo con preguntas, unha lección e unha pequena proba de autoavaliación sobre a lección. Tras responder correctamente ás preguntas do vídeo e superar a proba (con intentos ilimitados), desbloquéase unha tarefa individual que implicará a entrega dun pequeno traballo. Este traballo será avaliado polos compañeiros/as e/ou titores/as, e sempre segundo unha guía de corrección ou unha rúbrica.

As 6 tarefas suman 100 puntos, e para superar o curso é necesario obter 80 puntos polo menos e asistir á sesión presencial. Para acadar os 80 puntos, haberá tarefas opcionais que permiten obter puntos extra.

Calquera dúbida acerca dos detalles dun curso debe dirixila á dirección de dito curso. Por favor, consulte o apartado Información de contacto do curso.

Enderezo electrónico (unicamente problemas técnicos): |  RSS: Catálogo de cursos